Wednesday 15 de May de 2024

O ciclo TRCDanza contará con 13 espectáculos, dúas estreas absolutas e outras dúas nacionais


A primeira representación será o próximo 22 de abril e as entradas e abonos xa están á venda

O ciclo TRCDanza alcanza este ano a súa duodécima edición como unha referencia a nivel galego e nacional neste eido cultural. O Concello programará para este ano un total de 13 espectáculos que terán lugar no Teatro Rosalía de Castro. O primeiro tenente de alcaldesa, Juan Ignacio Borrego, e o director do Teatro Rosalía, Xosé Paulo Rodríguez, deron conta hoxe das novidades do programa.

Esta nova edición comezará o próximo sábado 22 de abril con ‘Demente’, da Compañía Fran Sieira. Durante este primeiro mes e a primeira metade do mes de maio haberá un total de oito funcións. O programa conta coa presenza de importantes compañías e artistas galegos, nacionais e tamén internacionais. Haberá dúas estreas absolutas, a primeira o próximo venres 5 de maio, e dúas estreas nacionais. Ademais, dúas das funcións previstas estarán tamén no cartel do Corufest, festival co que colabora TRC Danza, “Los Perros” e “Manbuhsona”.

Todas as funcións representaranse ás 20.30 horas e haberá, tal e como se indica no programa completo, dous prezos: unha de 12 euros e outra de 8 euros. Haberá tamén a posibilidade de adquirir abonos e bonificacións para diferentes colectivos, como é habitual.

As entradas e abonos xa están á venda en Ataquilla e nos despachos de billetes da praza de Ourense e do propio Teatro Rosalía de Castro. Coa organización do TRC Danza colaboran o circuíto estatal Danza a Escena e Agadic.

Proxecto de mediación cultural

Desde o ano 2014 o Teatro Rosalía Castro acompaña o seu programa anual de danza TRCDanza cun proxecto innovador de mediación cultural e programación expandida.

Este proxecto articula mecanismos de relación entre os artistas convidados e os cidadáns da Coruña coa intención de xerar un contexto na cidade que poña en valor a danza e as artes do movemento. A través de diferentes actividades, pensadas en colaboración con distintas comunidades e colectivos da cidade, poderemos coñecer de forma máis profunda os universos artísticos das compañías convidadas así como reforzar os seus vencellos coa nosa cidade. Nesta edición o proxecto de mediación cultual o coordinan e xestionan a coreógrafa, bailarina, mediadora e xestora cultural Kirenia Fernández e a mediadora, xestora e produtora cultural Fany Vázquez.

Programación
● “Demente” (sábado 22.04)
● “Bionic” (venres 28.04)
● “Festina Lente” (sábado 29.04)
● “Onde está o relámpago que vos lamberá as vossas labaredas” (venres 05.05)
● “Transmissions: Conferencia bailada sobre danzas urbanas” (domingo 07.05)
● “Vaivén” (venres 12.05)
● “Manbuhsona” (sábado 13.05)
● “Bocarra (traballo en progreso)” (venres 08.09)
● “Double bill” (sábado 23.09)
● “Hamaïkà” (mércores 11.10)
● “Los inescalables Alpes, buscando a Currito” (sábado 11.11)
● “Acciones sencillas” (venres 01.12)